Manifesto a favor da obxección de conciencia e da deserción en Rusia e en Ucraína

Somos os que durante as últimas décadas do século XX e principios do século XXI participamos na campaña antimilitarista contra o Servizo Militar Obrigatorio e a Prestación Substitutoria no Reino de España. Fomos decenas de miles de persoas, apoiadas por millóns, nunha mobilización popular histórica que conquistou o dereito á obxección de conciencia e que acabou coa servidume vergoñosa da «mili». Unha comunidade desobediente e antipatriarcal que se enfrontou ao recrutamento forzoso, a miles de xuízos, á persecución e ao cárcere; e que se sostivo grazas ao apoio mutuo e, en gran medida, á loita das mulleres antimilitaristas. Onte, como hoxe, reivindicamos a insubmisión á guerra, e unha humanidade liberada do autoritarismo e dos exércitos. Loitamos entón, e loitamos agora, contra todas as inxustizas que provocan as guerras e pola eliminación das súas causas.

Mentres os Estados adornan a barbarie da guerra coa súa propaganda patriótica, insistimos no dereito universal a renunciar ás armas e a que as persoas decidan libremente o seu destino. Ninguén debería verse obrigado a elixir entre un e outro lado do matadoiro.

O Goberno ucraíno ten establecido o recrutamento forzoso para os homes de entre 18 e 60 anos, convertendo en clandestinos a miles de mozos e adultos que se negan a combater, e aos que as bandas paramilitares deteñen en controis de estrada e á saída das cidades. O Goberno ruso engana e coacciona aos soldados para que non abandonen as filas da súa armada. A Unión Europea nega asilo político aos desertores de ambos os bandos, envía armas á zona e anuncia o incremento do seu orzamento militar. A guerra acelera a crise enerxética e ambiental global, e ameaza aínda máis a economía das persoas vulnerables e dos países empobrecidos.

Negámonos a obedecer pasivamente sen ofrecer resistencia. Negámonos a compadecer ás vítimas das guerras sen protestar. Rexeitamos a masculinidade forxada na figura e o mito do guerreiro, a colonización patriarcal das nosas mentes e corpos. Non queremos converternos en seres daniños e perigosos, capaces de cometer toda clase de humillacións e malos tratos. Non queremos ser cómplices da violencia sexual contra mulleres de todas as idades, nin do asasinato de persoas pequenas, enfermas ou maiores indefensas. As solucións que xeran máis violencia perpetúan a dominación.

  • ESIXIMOS o cesamento da invasión rusa, a retirada das tropas de ocupación, e o respecto á vontade de quen vive nas diferentes zonas de Ucraína para decidir o seu futuro en liberdade, respectando os dereitos de todas as minorías.
  • ESIXIMOS que a Unión Europea e o Reino de España en particular acepten as peticións de asilo de quen deserta da guerra ou foxen do recrutamento obrigatorio, de acordo ao dereito universal á obxección de conciencia. Matar nunha guerra non é un «deber cívico».
  • ESIXIMOS que a Unión Europea acolla sen restricións a todas as persoas que veñan fuxindo de calquera guerra que haxa no mundo. Rexeitamos o racismo e a crueldade das fronteiras.
  • ESIXIMOS que cese o envío de armas e tropas de países da OTAN á zona, o desmantelamento dos paraísos fiscais onde branquean os seus beneficios as industrias de armamento e as oligarquías europeas, e a desmilitarización do conflito. Os crimes de guerra anteriores de calquera das partes non xustifican ningunha intervención sanguenta máis: botar máis leña ao lume non é a solución.
  • ANIMAMOS ás poboacións civís dos territorios en guerra a resistirse ao odio social, e a apoiar aos soldados e desertores que se neguen a participar na matanza.
  • APOIAMOS aos que en Ucraína e Rusia se autoorganizan con fins pacíficos, empregan medios de loita incruentos, practican a desobediencia civil e a defensa nonviolenta, e padecen a represión política por opoñerse á guerra; en especial, aos movementos antimilitaristas e feministas daquelas terras.
  • CHAMAMOS a organizar unha rede europea de apoio a pacifistas e desertores que desobedezan á guerra en Ucraína e que sufran persecución política.
  • DESOBEDECEREMOS as leis españolas e europeas as veces que faga falta, para acoller nas nosas casas a pacifistas e desertores de Rusia e Ucraína.


Acabar con todas as guerras é acabar coa ditadura do sistema económico capitalista que as provoca e se beneficia delas. Equivócase quen cre que alongar esta guerra de Ucraína, cuxos antecedentes máis próximos se remontan a 2014, traerá algún tipo de beneficio para ninguén: só servirá para producir máis sufrimento e para alimentar o fascismo en todos os recunchos do planeta.

    Este dato no se mostrará en la lista de firmantes. This field will not be shown in the signers' list.

    Ejemplo: feminista, antimilitarista, objetor de conciencia, insumiso, en rebeldía, preso, grupo de apoyo... Si no tuviste relación ingresa aquí la actividad que consideres. You may add the kind of activism in which you participate.

    Seguridad - Security